Saturday 11 de May de 2024

¿Que funcionario ou empresa vai querer traballar en Cambre con este goberno moroso e irresponsable?, lamentan desde o Partido Popular.


O Partido Popular denuncia que esta situación de bloqueo na xestión do Concello de Cambre vén orixinado polas malas decisións acumuladas nos últimos 8 anos polo alcalde Óscar García Patiño e o seu goberno, que primaron as festas e as obras propagandísticas en lugar de coidar os servizos básicos do Concello.

O alcalde admitiu no pleno extraordinario deste xoves día 26, solicitado por toda a oposición, que “hai contratos en precario que veñen de moi atrás” e tenta xustificarse dicindo que non os abordou cando chegou ao goberno no 2015 ou con posterioridade porque “Se dedico o tempo a regularizar os servizos en precario de Cambre, non me habrían votado os veciños no 2019 ao non poder levar a cabo o meu programa electoral”, afirma Patiño.
“Esta actitude irresponsable do goberno cambrés de UxC e PSOE prexudicou intencionadamente a Cambre e aos seus veciños por intereses electorais, ademais do dano irreparable de imaxe e de credibilidade do Concello con todo o show mediático que leva facendo o alcaldeno último mes”, denuncia a portavoz do PP, Diana Piñeiro.
“Por se isto fose pouco, os veciños teñen que aguantar como o alcalde faise a vítima no pleno, ademais de dicir que quen culpa aos funcionarios de chegar a esta situación é a prensa cos seus titulares en lugar de el coas súas declaracións ou dicindo que se o Concello non pode pagar ás empresas en 8 ou 12 meses, que pidan un préstamo para pagar aos empregados e seguir coa súa vida”, sinalan os populares.
“A proposta do alcalde ás empresas de pedir un crédito para pagar aos seus empregados mentres agardan a cobrar do Concello, déixanos moi preocupados polas solucións afastadas da realidade do señor Patiño, que en vez de dedicar o seu tempo a buscar solucións dedícase a criticar o traballo da oposición, a crear un mal ambiente laboral que fai que os funcionarios acaben de baixa ou soliciten o traslado a outro concello e a espantar ás empresas, que non van a querer presentarse as licitacións de servizos e obras do Concello con este goberno irresponsable”, lamenta Piñeiro.